Camiño do Pouso, nº 2
36560 Soutelo de Montes
Concello de Forcarei
Pontevedra
Horarios
Sábados e domingos
mañás 11:00 a 13:30
tardes 17:00 a 20:00
Resto dos días: previa cita no 986 75 61 91
ou no 696 51 30 33
27 Xullo 2008, por cetmo.
Necesidade dunha política cultural alternativa na Terra de Montes
13 de setembro de 2008 no Centro Etnográfico de Terra de Montes, Soutelo de Montes
10:30 h.- Conferencia maxistral a cargo de Marcial Gondar Portasany, catedrático de antropoloxía da USC.
12:00h.- Mesa redonda cao participación de representantes de asociacións culturais da zona (“Canón de Pau” Cotobade; “Fervenza” Ouzande-A Estrada; “Espadela” Cerdedo; “Verbo Xido” Terra de Montes) e de concelleir@s de municipios limítrofes, así como unha representación da Delegación Provincial de Cultura.
13:30 h.- Presentación do libro de relatos sobre Cerdedo, “Memorias dun tempo perdido” da autoría de Roberto Vázquez, editado por “Verbo Xido”.
14:30 h.- Xantar de confraternidade en “Casa Florinda” de Pedre (Cerdedo). Nos postres, presentación do número especial do Boletín de “Verbo Xido”, co gallo da chegada ao nº 20, despois de seis anos de existencia. Farase entrega dunha colección encadernada dos 20 números do Boletín, a todos os colaboradores e colaboradoras en recoñecemento do seu apoio.
Peche do acto coa actuación do grupo folklórico “Os Abrentes”, de Cerdedo.
19 Xullo 2008, por cetmo.
A titular do Xulgado de 1ª Instancia da Estrada, vén de rexeitar o procesamento pola vía penal do arqueólogo, natural de Soutelo de Montes, Alfredo González Ruibal, frustrando os desexos da familia do ex-alcalde falanxista de Cerdedo Manuel Gutiérrez Torres, de velo procesado por ter difundido os feitos supostamente acaecidos en Cerdedo no verán de 1936.
21 Maio 2008, por cetmo.
Bioenergalicia s.l., está a ofertar ás comunidades de montes da Terra de Montes e doutros territorios galegos como Pontecaldelas ou a comarca de Monterrei (Ourense), un convenio de cesión dos mesmos para o seu aproveitamento enerxético mediante unha planta de biomasa.
Nunha reunión celebrada en xullo de 2007 un dos administradores desta empresa explicou á Mancomunidade de Montes de Cerdedo a pretensión de instalar unha planta de 5 megawatios no polígono industrial de O Sangal, para o que tamén ofertou aos comuneiros varios convenios: cultivos de plantas enerxéticas, xestión forestal e retirada de biomasa forestal.
Na nosa opinión, estes convenios estabelecen unhas cláusulas abusivas e que pouco teñen que ver coa xestión do monte seguindo criterios de sustentabilidade e multifuncionalidade: a empresa atribúese cuestións fundamentais como a elaboración dos plans de ordenación ou xestión do monte, a contratación do persoal para os traballos forestais, o control da venda da madeira, as relacións coa Administración e, o que é máis grave, a xestión de subvencións e axudas, cando só os propietarios dos terreos teñen capacidade legal para solicitalas.
Alén disto, a empresa estabelece condicións específicas segundo se trate da produción de cultivos enerxéticos, da xestión de monte madeirábel ou da retirada da biomasa forestal residual.
Cando se trate da xestión dun monte madeirábel, a empresa realizará repoboacións, clareos, podas e rozas necesarias, mais os custos derivados destas accións correrán a cargo da comunidade de montes. Esta non poderá rexeitar que se realicen estes traballos, pois mediante a sinatura do convenio permítenlle á empresa que elabore os plans de ordenación e xestión, onde se reflicten os coidados silvícolas que obrigatoriamente hai que realizar.
Ademáis, a comunidade permitiríalle á empresa regular os aproveitamentos que se realicen no monte, polo que Bioenergalicia podería realizar cantas actividades quixer alén do aproveitamento da biomasa, que é para o que nun principio se asina o convenio, deixando aos comuneiros sen capacidade de decisión sobre o monte por un período máximo de 20-30 anos.
Noutras experiencias, os cultivos enerxéticos baséanse en plantacións de eucaliptos con quendas de corta de 3-4 anos nun período máximo de 25 anos de cesión. Hai que subliñar que a vaga de lumes do verán de 2006, iniciada nos montes do Serrapio, viuse moi favorecida polas características pirófitas desta especie, así como da degradación do solo que esta prática non sustentábel produce.
Unha planta de menos de 10 megawatios non é viábel, aínda máis se hai que considerar o inxente consumo de biomasa que require, que ficticiamente pode cubrirse coa estimación da biomasa actual existente, mais logo seguirá precisando a mesma cantidade, e xa non haberá reservas que manteñan a actividade como rendíbel.
Hai que resaltar que se finalmente a planta non é autorizada e se a Mancomunidade asina por unanimidade o convenio (requisito fundamental para que o proxecto sexa viábel, pois compre asegurarse un mínimo de Tm. de biomasa), Bioenergalicia podería ser igualmente a beneficiaria da xestión do monte, pois non hai ningún punto nas súas cláusulas que diga o contrario.
Outra cuestión é a ubicación da planta no polígono do Sangal, que podería ser ilegal xa que non respecta os 2000 mts. de distancia a núcleo urbano contemplados no artigo 4 do RAMINP para actividades insalubres, tal que unha central térmica de produción de enerxía, que desprende gases tóxicos e produce ruídos polo que tamén se considera actividade molesta.
Finalmente habería que cuestionar a viabilidade ambiental, por incluírse parte da superficie dos montes de Cerdedo no LIC “Serra do Cando”, espazo natural protexido pola Rede Natura, que fai incompatible o desenvolvemento de cultivos enerxéticos e limita severamente a repoboación forestal e o aproveitamento da biomasa
Todo isto prodúcese co apoio entusiasta do Alcalde de Cerdedo que, na nosa opinión, debería velar polo interese xeral no canto de favorecer intereses alleos, se cadra dubidosos. Bionergalicia levanta moitas sospeitas, pois é unha empresa de recente creación (comezos de 2007, moi próximo no tempo á presentación do PTAEB), cun capital social baixo (4.000 €) e coa presenza dun administrador centroeuropeo con experiencias no sector da biomasa en Euskadi e Guadalajara das que pouco se sabe.
A terceira peza é a Mancomunidade de Cerdedo, que na súa maior parte apoia un proxecto que obvía a visión multifuncional do monte e propón unha xestión productivista, agravada polo extremo avellentamento e polo inmobilismo xeral da veciñanza. A planta de biomasa supón para os comuneiros conflitos internos de usos cos gandeiros e co sector forestal que aposta por especies autóctonas, que se poderían ver gravemente afectados: pensamos que estes usos, entre moitos outros, deben e poden ser compatíbeis nos montes, mais sempre coa conseguinte regulación e ordenación.
O que parecen esquecer Bioenergalicia, o Concello de Cerdedo e a Mancomunidade de Cerdedo é a política da Xunta de Galiza a este respecto, reflectida no Plan Técnico do Aproveitamento Enerxético da Biomasa (PTAEB), que só recolle aqueles aproveitamentos que se limiten á biomasa forestal residual, e que pódese resumir na frase “limpar para queimar sí, producir para queimar, non”. Ademáis ainda está por elaborar o decreto regulador da creación destas plantas: por se xa fora pouco, Cerdedo sitúase fóra das 7 Áreas de Xestión da Biomasa que fixou o citado Plan, polo que a Consellería de Industria tería que admitir a trámite o proxecto, sempre co informe de Medio Ambiente e co informe preceptivo e vinculante de Medio Rural, que xa nos expresou as súas reticencias para autorizar este proxecto tal e como está concibido.
En calquera caso, queremos expresar que non estamos en contra do aproveitamento da biomasa residual (restos de podas, cortas, entresacas,…) formando parte da multifuncionalidade do monte, mais sí somos contrarios a prácticas que introduzcan sen control novos cultivos enerxéticos, obviando os criterios da administración e os dereitos dos comuneiros.
25 Abril 2008, por cetmo.
En relación cos procesos xudiciais que afectan ós membros da asociación DIONISIO PEREIRA GONZALEZ e ALFREDO GONZALEZ RUIBAL, promovidos pola familia Gutiérrez Nieto en base a publicacións e manifestacións por eles efectuadas na sua labor de esclarecemento e difusión da Memoria Histórica da Terra de Montes, existe unha conta bancaria para recaudar fondos cos que axudar á defensa xurídica dos nosos compañeiros.
A devandita conta ten como finalidade facer pagos de asistencia xurídica, multas e indemnizacións que se deriven das causas abertas. Os pagos serán controlados polo presidente e o tesoureiro da Asociación.
Número de conta:
2080/0480/11/0040118605
Vos animamos a facer as vosas aportacións e a difundir a existencia da conta entre os vosos achegados.
Se ó final dos procesos xudiciais existise saldo nesa conta, aplicarase de forma sucesiva ós seguintes fins:
Primeiro.- Devolución ós aportantes que o soliciten no prazo que no seu momento se establezca, en proporción ó aportado por cada un en relación co total recadado.
Segundo.- Entrega a asociacións ou colectivos, que defendan causas semellantes as que levaron o banquiño ós nosos compañeiros.
Terceiro.- Entrega a unha entidade sen ánimo de lucro cuios fins sexan concordantes cos da asociación Verbo Xido.
25 Abril 2008, por cetmo.
(SESION CELEBRADA O 15 DE MARZO DE 2008)
Primeiro.- Aprobación da Acta da sesión anterior.
Segundo.- Aprobación das contas do exercicio 2.007, pechadas a 31 de decembro
Terceiro.- Aprobación da Xestión da Xunta Directiva durante o ano 2007.
Cuarto.- Aprobación das actividades e o presuposto para o ano 2008.
Presuposto.- Variable en función das subvencións, estimándose un gasto necesario de 2.000,00 € para atender os proxectos previstos.
Actividades:
Editorial e apoio á difusión cultural:
Editar de maneira inmediata un libro de relatos sobre Cerdedo escrito por Roberto Vázquez.
Apoio á edición dun ensaio (aínda en redacción) sobre “A historia das bandas de música de Cerdedo”, coordenado por Manuel Campos.
Edición e distribución do Boletín Verbo Xido, incluíndo un Especial con motivo de chegar ó número 20, que será presentado durante a celebración das Xornadas de Terra de Tod@s.
Colaboración con outras entidades.-
ROTEIRO.- En colaboración coa Comisión Sinhor Afranio, e en relación co roteiro que se prepara en lembranza do que él fixo dende Tomiño, O Ribeiro, Forcarei, ata a fronteira portuguesa. Trátase de determinar pontos de interese no tramo Augasantas-Forcarei, sinalizándoos, realizar dúas actividades no CETMo sobre os esmolantes e os cereiros e editar unha unidade didáctica sobre os cereiros.
Colaboración con ADEGA para facer un seguimento dos proxectos de explotación de biomasa nos montes veciñais en man común da bisbarra.
Colaboración co colectivo “A serpe bichoca” na súa reivindicación do Monte do Seixo.
Actos de periodicidade anual.-
Xornadas Terra de Tod@s, adicadas este ano á política cultural nos diversos Concellos da Terra de Montes. Ao seu abeiro, faremos unha festa convidando a todos/as os/as colaboradores/as do Boletín da Asociación.
Roteiro Sarmiento
Conta Solidaria.-
En relación cos procesos xudiciais que afectan ós membros da asociación DIONISIO PEREIRA GONZALEZ e ALFREDO GONZALEZ RUIBAL, promovidos pola familia Gutiérrez Nieto en base a publicacións e manifestacións por eles efectuadas, acordouse, por unanimidade, abrir unha conta bancaria para recaudar fondos cos que axudar a defensa xurídica dos nosos compañeiros. Dende dita conta poderánse facer pagos de asistencia xurídica, multas, indemnizacións e outros que se deriven das causas abertas, debendo ser todos os cargos asinados polo presidente e o tesoureiro da Asociación.
Vos animamos a facer as vosas aportacións e a difundir a existencia da conta entre os vosos achegados.
Se ó final dos procesos xudiciais existise saldo nesa conta, aplicarase de forma sucesiva ós seguintes fins:
Primeiro.- Devolución ós aportantes que o soliciten no prazo que no seu momento se establezca, en proporción ó aportado por cada un en relación co total recadado.
Segundo.- Entrega a asociacións ou colectivos, que defendan causas semellantes as que levaron o banquiño ós nosos compañeiros.
Terceiro.- Entrega a unha entidade sen ánimo de lucro cuios fins sexan concordantes cos da asociación Verbo Xido.
Quinto.- Seguir sostendo os gastos do Centro Etnográfico da Terra de Montes (Soutelo) na cuantía actual (60,00 €/mes), tentando acadar algunha aportación da Consellería
de Cultura para o mantemento e promovendo actividades no Centro na medida do posible.
Remata a sesión en Cerdedo ás 22 horas do 15 de marzo de 2008.
10 Abril 2008, por admin.
A Asociación Ecoloxista e Cultural “Verbo Xido” de Terra de Montes ten o pracer de convidalos á charla “Monte do Seixo. Patrimonio cultural da Montaña Máxica” que no Casino de Antas (concello da Lama) terá lugar o vindeiro sábado (día 19 de abril) ás 19:00 h. Falarán Calros Solla (”Verbo Xido” - “Serpe Bichoca”), Rafael Quintía e Joao Bieites (Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca”).
A actividade, enmarcada na serie “Patrimonio no medio”, complementarase o domingo (día 20) cunha camiñada polo monte do Seixo. O punto de encontro para o roteiro é a praza da igrexa de Cerdedo (10:00 h).
Promoven as Consellarías de Cultura e Medio Rural e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Colaboran as asociacións Verbo Xido (Cerdedo-Terra de Montes) e Portalén (A Lama).
Moitas grazas.
30 Xaneiro 2008, por admin.
Á Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes prácelle convidarvos á oitava edición da Festa da Vincha en Cerdedo.
O nomeado evento gastronómico está organizado pola Asociación de Mulleres Espadela, e SEN COLABORACIÓN DAS AUTORIDADES LOCAIS.
A Asociación Espadela ten por obxectivo enxalzar a lambetada típica do Entroido cerdedense, a VINCHA, doce “mariñado” na vexiga do porco, teimando en ofrecerlles aos visitantes, non unha vulgar PaParota, senón unha mostra da cultura tradicional da bisbarra.
A Festa da Vincha cae no domingo, día tres de febreiro.
Vémonos na Vincha!
21 Marzo 2007, por admin.
Tras case 3 anos na Rede sen modificacións na interface, o sitio do CETMo e o seu xestor de contidos comezaba a quedar anticuado, mais os que gostamos do pasado tamén vivimos no presente e nos adaptamos ás novas tendencias.
Velaquí un sitio do CETMo renovado, máis accesible e mellor adaptado para publicar actualizacións.
Podedes deixar as vosas impresións nos comentarios.
Saúdos cordiais
Cristina MJ
28 Novembro 2005, por admin.
Encántanos que a páxina do CETmo vos sexa de axuda. A partir de hoxe inauguramo-la sección de “Novas” para mantervos informados dos últimos acontecementos relacionados co centro etnográfico.
27 Xaneiro 2005, por admin.
O vindeiro 5 de Febreiro, sábado, a partir das 12 horas, vaise celebrar a Vª Edición da Festa da Vincha no adro da parroquial de Cerdedo, organizada pola Asociación de Mulleres “Espadela”.
Alí estará “Verbo Xido” colaborando cun stand onde expondremos un casal propio de Terra de Montes en miniatura. Asemade, temos a disposición de quen quixer as publicacións que editamos, xunto con tres novidades, que vos recomendamos:
* a guía didáctica do Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO), recén publicada.
* o nº 9 do Boletín “Verbo Xido” que hai poucos días está na rúa.
* o folleto a toda cor sobre o roteiro Padre Sarmiento, feito por Carlos Solla, que estará listo para o día da Festa como unha contribución máis á mesma.
¡Vinde connosco á Festa da Vincha!. Disfrutaremos deste postre tradicional e pasaremos un bó rato con obradoiros de cestería e ferro, cerámica tradicional de Niñodaguia, servicio de bar, gaiteiros, xantar enxebre, venda de doces propios da temporada e da zona…