Traballo no campo

A agricultura foi durante séculos a forma de vida da meirande parte do país, por iso o léxico adicado ao campo, as leiras e mesmo ao tempo é dunha gran riqueza. Así temos termos como seara, devesa, veiga, cavada, chousa, touza, souto….que deron tamén nome a diferentes aldeas, como Soutelo de Montes (lugar onde abundan os castiñeiros) e tamén apelidos espallados por toda a xeografía galega.

As fincas, ademais de te-lo nome do producto que cultivaban, como as estivadas, (zonas do monte adicadas ao centeo), tamén tiñan o seu propio nome: as marianas, o poste, ….

Os lindeiros (estremas) estaban sinalados por simples pedras (marcos), fitos chantados na terra e se desaparecen produce a perda dos lindeiros de moitas fincas. As veces facíanse muros de pedra e valados artesás que embelecían a paisaxe, fronte ao pragmatismo de hoxe que fai que se aproveiten refugallos coma os somieres que afean a nosa bisbarra.

As terras podían ser de seu o estar arrendadas, polas que se pagaba ao dono un fixo o froito, ou tamén a medias.

Os productos eran fundamentalmente o millo e o centeo, ademais dalgún gando (vacas ou bois) e os animais da casa, como as galiñas e o porco. O estrume producido polos animais servía para o esterco dos campos.

As ferramentas eran xeralmente as mesmas para case tódolos traballos: eixadas, legóns, sachos, picarañas, fouces, fouciños, angazos, forcadas, galletas, gadañas.

Traballo no campo Coas picarañas cargábase o estrume que logo se esparexía coas aixadas ou esparixideiras. O terreo para a sementeira preparábase co arado. Tralo arado ían as mulleres botando o gran no suco, tarefa que as veces facíase coa sementadora. Botábase terra coas eixadas e finalmente nivelábase a terra coas grades, feitas nun principio de madeira. Tódalas ferramentas eran nun principio de madeira e logo foron collendo partes de ferro, sinal de que había máis diñeiro e un ferreiro na localidade.

O millo recóllese no mes de setembro, primeiro seitúrase coas fouciñas e logo faise a esfollada, festa popular colectiva para esfollar a casca e tirar as espigas.

Finalmente na malla debúllanse das espigas os grans que se gardan nas arcas: caixas de castiñeiro ou carballo con tapa e pechadura.

A malla do centeo celebrábase na eira de todos. Os homes provistos cun mallo, mallaban nun principio de vagar, para logo ir máis apresa nunha acción que producía moito ruído: o bureo.

O gran solto xuntábase cos angazos ou cos rolos . As mulleres na eira cribaban o centeo cun cribo.

A herba, o ferrán plantado para deixar descansa-lo campo e darlle de comer aos animais, segábase no mes de xullo coas gadañas previamente cravuñadas para ter o fío máis afiado. Levaban con eles ao campo a pedra e a auga para este feito gardada no corno.

Un aspecto moi importante da vida no campo era o sentido de solidariedade, a axuda que se prestaban uns a outros nos traballos colectivos, como a sega, a malla ou matanza do porco, que significaban tamén festas colectivas.

A presencia da MULLER nos traballos do campo en Galicia foi moi relevante, xa que os homes están de coitado fora, ben sexa en Castela por mor da sega ou na emigración. Por iso o traballo da muller era dobre xa Que facía as mesmas labores que un home no campo e ademais coidaba da casa, dos fillos e dos vellos, nembargantes, o xefe da familia era o pai ou o avó, que exercen o poder sobre a terra.