Os esmoleiros

Falar de pobres na actualidade non é o mesmo que hai cincuenta anos. Daquela eran máis respectados. Había dous tipos de pobres. Un era o dos pobres vergonzantes. Eran os pobres de boas familias, xentes vidas a menos, que tiñan que manter certo decoro, determinadas formas, estritas relacións de clase e familiares, sen ter ingresos que llo permitisen. Outro tipo eran os pobres de pedir que tiñan dúas categorías os esmoleiros e os que andaban polas portas. Os primeiros pedían nas rúas, nos camiños e ó pé das igrexas cando había romerías; os segundos facíano polas casas, tiñan rutas fixas, chegaban sempre o mesmo día da semana e mesmo se lles podía coñecer polos seus nomes, cando non polos seus alcumes. Non eran coma se fosen da familia, pero digamos que eran xente coñecida. Os esmolantes soen ser marxinados ou inadaptados socialmente. Trátase dunha figura tradicional da sociedade rural galega. • Inadaptado ceibe sen obrigas, nin propiedade, nin familia, era nómade. • Traballa un día “polo caldo” ou serve de novidade ou entretemento. • Permite practicar a caridade / esmola e establece vencellos clientelares: as familias tiñan os “seus” esmoleiros aos que axudaban e acollían. Os sectores máis pobres (caseteiros e xornaleiros) practicaban a esmola (nenos e vellos) ou traballaban pola comida ou vendíanse (as mulleres) sexualmente pola comida. Os caseteiros son dúas ou tres familias por aldea que apenas teñen unha pequena horta e un par de ovellas ou cabras. Viven nun caseto que lles dá o nome, morada terreña dun só cuarto sen cheminea e co fume abríndose camiño por entre as tellas. Esta vivenda é, en ocasións, unha antiga corte abandonada por unha familia rica ou de campesiños abastados que llela ceden a cambio de prestación de traballo persoal nas épocas de apurada. Outras mesmo son casas do común que foran audiencias ou cárceres de xurisdición ou coto e agora pertencen ós concellos que llelas aluga, case sen custo, a estas familias de caseteiros. Nos demorados tempos da piedade tridentina formaban as cohortes de carpideiras e pobres que daban lustre nos pasamentos dos señores e ricos, competindo polas esmolas que os parentes do morto daban pola súa salvación. A fame e a friaxe son as súas compañeiras de por vida, xa que dificilmente poden ter oportunidades de promoción social. Entre os pobres de solemnidade tamén estaban as bodegueiras e camareiras, que foron numerosas en bisbarras con sistemas hereditarios de mellora longa, como boa parte da provincia de Lugo. Son mulleres solteiras, que acaban tendo algún fillo, que as apartan das familias nos lindeiros da mocidade para facer fronte mellor á reprodución do resto dos irmáns. Moitas delas logo emigraron a América nas primeiras décadas do s.XX. Hai anos ós pobres tratábanos con máis condescendencia. Incluso na tradición oral do noso país hai lendas alusivas a castigos por non tratar ben ós esmoleiros. “Onde hoxe chaman Braña Rubia (Seavia, Coristanco, A Coruña) houbo unha vila chamada Alcaián ou Alcaán. Agora está asolagada nun pozo moi fondo a unha profundidade de seis adivais. Cóntase que se asulagou cando Xesucristo e San Pedro andaban polo mundo de esmoleiros. Pediron pousada en moitas casas da vila de Alcaián e en ningunha llela quixeran dar. Mesmo lles encirraron ós cans. E afundiuse Alcaián e os que se poñan enriba de onde estaba tamén se van ó fondo. Algunhas veces os veciños de Salgueiras e os de Mira escoitan tocar as campás, ladrar os cans e cantar os galos ás doce da noite de Noiteboa ou o día de San Xoán”. É un tema moi tratado na literatura e incluso o noso distinguido Castelao adicou moitas viñetas humorísticas ós esmoleiros. Pola contra, escasean os estudos específicos encol do tema, sobre todo a nivel local, aínda que temos algunhas achegas (ex.: Melide). Estes pobres cada un tiña a súa intrahistoria persoal, a súa sabedoría e o seu xeito de interpretar a vida e o seu mundo. Algúns coas secuelas da guerra incivil e da dura posguerra e a maior parte por problemas psicosociolóxicos. Nas posguerras aumentan os esmoleiros cos veteranos dos conflitos bélicos que non se readaptan á sociedade (ex.: Guerra Civil española, 1ª e 2ª Guerra Mundial, etc.). Casos máis concretos poden ser os freikorps na Alemaña de 1919, os vagabundos e veteranos nas redes mafiosas de EE.UU. nos anos vinte do século pasado, os “camisas negras” de Mussolini nútrense tamén dese grupo de inadaptados. Na Galicia da posguerra franquista conflúen varios factores que explican o aumento de esmolantes e o respecto social por eles: • A fame e a autarquía económica producen a reruralización. As aldeas están cheas de xente pero case morta de fame. A xente das cidades ían pedir polas portas ás aldeas. • Veteranos da Guerra Civil con secuelas psíquicas e sen familia vagabundean polo rural (ex.: o capitán Bombillas na contorna de Ourense nos anos cincuenta, asustaban con el ós nenos nos anos setenta). • As cuadrillas de “maquis” ou “foucellas” e “brigadiñas” segredas que os perseguen. Hai inseguridade e medo na poboación. Daquela está en boga a cultura católica de esmola e axuda: porta franca e mesa posta para quen chegue, daquela evítanse violencias en contra das persoas e os bens da casa. A maior parte deles eran humildes, honrados e cada un coas súas características propias eran moi respectados pola veciñanza. Eran os Servizos Sociais daquela: comida, roupa, reás ou pesetas. Foron frecuentes nas décadas dos anos corenta, cincuenta e sesenta; logo xa foron cambiando os tempos e o contexto social e esmorecendo o mundo rural. Soían levar ás costas un saco de esparto no que carrexaban, xunto coas súas escasísimas pertenzas, a comida ou cousas que lles daban nas casas. Moitos deles tiñan casa fixa onde durmir. Ceaban coa familia e ó día seguinte, despois de almorzar, despedíanse moi agradecidos con quen lle mataran a fame e lle deran pousada. Outro aspecto relativo ós esmoleiros son os instrumentistas ambulantes, case sempre invidentes, sobre todo interpretan pezas acompañados dun violín. No noso país, en Galicia, documéntase, dende o s.XIX, o seu uso cotiá entre os músicos ambulantes. Antes usaran un instrumento típico galego como é a zanfona. Antigamente, os cegos estaban adscritos a gremios que lles axudaban en certas cuestións, como pode ser a obtención das zanfonas coas que tocaban. Era unha vida chea de estreiteces e miseria. Máis tarde, os violíns substituíron ás zanfonas. A figura do músico cego que se gañaba a vida cantando, non hai moito que formaba parte do entramado social do rural galego, sendo moitas as persoas que aínda se lembran dese fenómeno. Ás veces chamábanos para tocar nun baile onde se facía unha colecta para pagarlle ou xa se fixaba unha cantidade por adiantado. Pernoctan no lugar onde actúan acollidos por algunha familia. Normalmente, aprendían a tocar un instrumento para no futuro gañar o sustento. Cando estaban preparados andaban itinerantes pero acompañábanse dun lazarillo, que soía tocar algún instrumento de percusión (bombo, pandeireta, caixa, etc.) ou cantaba. O normal é que fose alguén da familia, pero ás veces eran criados ós que lles pagaban un tanto. Outras veces, mentres cantaban repartían historias nas chamadas coplias, impresos que subministraban as imprentas e que eles vendían por unha pequena cantidade. Soían tratar de romances clásicos, temas de contido galego como podían ser os parrafeos entre un mozo e unha moza, historias de risa e os sucesos tráxicos. Normalmente, o seu papel era máis ben o de esmoleiros que o de músicos. Tamén había casos que tocaban o acordeón. No que atingue a esta faceta hai uns cantos exemplos recollidos na montaña de Lugo e noutras zonas. Outro tipo de esmolantes podían ser as mulleres de xornaleiros e outros grupos sociais sen patrimonio que ó quedar viúvas a certa idade non tiñan outra saída para manterse que a mendicidade. No s.XIX o Estado, a nivel de toda España, usábaos como soldados e traballadores de obras públicas a través das periódicas levas forzosas. Non sempre se lles tratou ben. Por exemplo, na Idade Media, sobre todo nos séculos XIV e XV, puxéronse en práctica medidas represivas contra os pobres, ós que se pretendía aillar, para que non “contaxiaran” ó resto da sociedade. Nesta etapa pensábase que os pobres eran criminais en potencia. Ás veces tomaron medidas drásticas con eles. Ex.: nunha cidade francesa chamada Bourg-en-Bresse, en 1472, todos os esmoleiros, incluídos os que se atopaban doentes, foron expulsados. Na Península Ibérica, na Idade Media, había pobres involuntarios: persoas de avanzada idade, viúvas, orfos, doentes, servos e cautivos. Había varios graos de pobreza: os pobres que tiñan pouco pero que podían seguir adiante; os pobres que pedían esmola, que representaban a pobreza extrema; os pobres que nin siquera podían ter licencia de mendicidade para pedir esmola. Daquela os alimentos para pobres eran o pan de cebada e as sardiñas. Na Época Moderna as causas da pobreza eran: as doenzas, as guerras, a elevada poboación e os altibaixos dos prezos. Neste período, en Galicia, a mellor esmola que cabía ofrecer a un pobre de solemnidade ou vergonzante era un anaco de pan e non conviña dárllelo por riba da porta, senón con ela aberta, para evitar que a fame visitase a casa. Daquela as parellas pobres, que tiñan moitos fillos, nalgúns casos tiñan criados ou criadas pero sen salario. Moitas veces non se pagaban as soldadas e debían agardar ás mandas testamentarias dos amos. Tamén había familias que practicaban a “asistencia social” a prol de persoas desamparadas, ás veces parentes. Continuaban de por vida no lugar de adopción. Os criados ó finar o amo, ás veces voltaban á súa casa matriz, outros o único que podían facer para subsistir era coller o saco e marchar polas portas a pedir. Ás veces chegan á vellez e non os querían. Xa di o refrán: “Ó criado novo, pan e ovo; ó vello caldo acedo”. Do fin dos que pasaron os seus últimos días pedindo polas portas só nos quedan noticias nos libros de difuntos da parroquia. Moitas veces aparecen cos seus motes ou alcumes (“mal nome”). Ós que andaban de porta en porta chamábanlles pobres ostiatim. Case todos eran solteiros/-as e vellos/-as, dous motivos para rematar de pobres vagabundos e morrer á porta dun hospital, dun convento, dunha casa, nunha rúa ou nun camiño. Ese era o destino que tiñan os máis coitados, os esmolantes. Voltando á Galicia contemporánea hai que dicir que os esmoleiros tamén ían pedir á casa onde había un difunto, dábanlle pan ou invitábanos a cear pois conviña ser compasivo cos pobres. Pensábase que as boas accións deste mundo teñen compensación no outro. Autores como Valle-Inclán en Romance de lobos ou Otero Pedrayo en Os camiños da vida tamén aluden ós pobres pedichóns que asisten ós velorios e enterros a matar a fame. Logo rezaban os pobres pola alma dos finados. Hai exemplos como o de Trasparga (Lugo) onde no enterro levan a parva que era unha cesta con pan e queixos para repartir ó remate das exequias fúnebres entre os asistentes, incluídos os pobres. Noutros sitios danlles pan, noutros ciscan un puñado de moedas entre os nenos e os pobres. Tamén hai anécdotas curiosas como é o caso dun esmoleiro nun lugar das marxes da ría de Vigo que conseguira mediante certas artes ocultas, que parecese que o morto se movía, fuxiron todos e o pícaro aproveitou para arramplar coas empanadas que alí había. Para rematar vou comentar algúns datos no que atingue a Antón Alonso Ríos, “o Siñor Afranio”, e a súa etapa de esmoleiro. Logo de andar vagando e escondéndose na bisbarra do Baixo Miño e de que lle puxeran un prezo de 50.000 pts. á súa cabeza, o 27 de agosto do 1936, pola noite, decide disfrazarse de pobre e converterse en esmolante. Vai a Torroña, á casa da sra. Ana, por terceira vez, o 3 de setembro e dalle dous pantalóns cheos de buratos, como non cadraban, os dun tapaban os do outro, un sombreiro furado, unha chaqueta vella, un abrigo e carga cun fardeliño branco ás costas cun anaco de broa dentro. Logo retorna ó monte de Tebra e cando tropeza cun home en Pinzás que lle pregunta a que se dedica, dille: “Son un pobre e ando a pedir”. O 7 de setembro cando estaba acochado xunto a unha peneda ordena comezar a vida de esmoleiro. Botou 23 días a pedir polas portas dende Tebra (Tomiño) ata Sorribas (Forcarei). Conta as súas penurias como cando colle un acio de uvas e bérranlle ou cando por un furado do saco pérdeo. A primeira esmola que recibe é no pobo de As Neves, daquela cruza cun rapaz e dille que leva o folico pequeno, e logo dille o cativo “dan pouco” como xustificándoo. Aconselloulle ir pedir a un colexio de monxas que hai perto. A súa primeira esmola é un anaco de bica. Busca pousada e daríanlla en Arbo. Unha muller ofrécelle durmir nun cortello estrumado con faísca. Pode comprobar o egoísmo dos pobres. “Os pobres non teñen doito de axudarse entre si”. Uns esmolantes portugueses comen uvas e non llas ofrecen. Sen embargo, el se lle sobra comida dáballa a outro. Entérase de novas da represión. En Parada danlle unha cunca de caldo. Vai xuntando esmola: un anaco de broa, un pataco, unha sardiña en conserva, pantrigo, unha cadela (5cts.) Padece ameazas de detención pois debe procurar papeis de pobre para andar ambulante a pedir. Tenta cobrir as apariencias nas respostas. En Pereiro vai á casa da cuñada e dos sobriños e dilles que avisen a un cuñado (Fariza) para buscar saída ó estranxeiro. En Albarellos decátase do egoísmo dos pobres, son ruíns entre si. Xorde Afranio de Amaral. Chega a Sorribas (Forcarei) á casa da sra. Carmela de Pedro, que tiña unha filla chamada Dosinda. Ofrécenlle quedar de criado. De esmoleiro estivo 23 días (7/30-IX-1936). Fanlle unha proba que era rozar o toxo dunha veiga e pasa a proba. Cando o logrou dixo: “Hoxe aprobei a reválida”. Emilio Araúxo fixo o percorrido do Siñor Afranio e foi entrevistando persoas que o coñeceran e contoume unha serie de anécdotas do seu periplo como fuxido. Cando estivo en Forcarei dicían del que era moi educado. Ó entrar nunha casa sacaba o sombreiro. Se había alguén de pé cedía o seu sitio. Na casa do sr.Barreiro dixéronlle que deixara estar o sombreiro e el para disimular os seus modais dicía que era por comodidade. Estivo a piques de non ir ver o reloxo que deseñara este señor pero foi para que non desconfiaran del. Outra anécdota era que nunca lle pegaba ás vacas, unha delas chamábase Garrida. A xente dicía del “¡Mira como trata ás vacas!”. Se atopaba algún garda civil coñecido seu tapaba os ollos co sombreiro. Dáballe os bos días a todo o mundo antes que llos deran a el. Non lle gustaba a igrexa, nin outro sitio onde houbese aglomeracións de xente, por se o recoñecían. O pai do sr.Barreiro seica sabía que non era un pobre: ou é un frade escapado da zona roxa ou un fuxido pero non é o que parece. O xeito de falar e o saber moitas cousas non cadraba cun pobre. Causa admiración pola súa cultura. Durmía entre monllos de colmo de centeo nun cuberto. Emilio Araúxo puxo en contacto ós discípulos de Alonso Ríos. Ás veces facía o parvo e dicíanlle ¡Que burriño é! Facía ben o papel de pobre. Cando o interroga un falanxista conta a “súa” historia: Nacera en Lisboa, logo estivera en Tras-os-Montes, Toral de los Vados, Quiroga ata 1918 e logo a pedir en Galicia e Portugal. Tiña medo a ser descuberto por alguén que o recoñecese: actitude ergueita ó camiñar, ollada acesa, voz un chisco zarabeta. Colaboraba en traballos de camiñeiro, arranxando nos camiños cos outros veciños. Era moi reservado para contar a súa vida. Contáballe contos ós rapaces. Cando veñen uns gadañeiros orixinarios da súa zona natal fuxe de Sorribas. Sae para Albarellos a mediados de xullo de 1937. Conta que servira de criado e instálase en Moreiras (Boborás) durante un ano (xullo 1937-xullo 1938). Aínda se conserva o cuberto onde viviu en Sorribas. Elixiuno ó non aceptar unha cama na casa dos amos. Collía unha toalla e ía á fonte a lavarse e isto sorprendía á xente. En Moreiras (Boborás), perto do Carballiño aprendeulle a Nemesio, cando era un neno as matemáticas nun camiño. Escribindo cun pau na lama explicáballe aritmética e xeometría. Chama a atención que ten as barbas limpas. Din que o criado do “Calores” sabe moito. Preparoulle ó fillo para ingresar no Instituto de Vigo e aprobou. Sospeitan que é un fuxido. En Portugal chegou a Rudeiro (mediados de xullo de 1938), el sabía que por alí pasaran moitos fuxidos. Perto de Castro Leboreiro viviu un mes nunha cova (“Pazo da Rocha Viva”) no monte e unha familia dáballe de comer. Non se sabe cal era pois hai unhas cincuenta no entorno. En Arcos de Valdevez, Emilio Araúxo coñeceu ó fillo dun boticario que o acobillou e cando lle leu o que escribira Alonso Ríos do seu pai emocionouse e chorou. Dixo Alonso Ríos: “Os portugueses son a mellor xente do mundo”. Estivo na casa dos irmáns Loureiro, que eran Aníbal (empregado da cámara municipal) e Manuel (boticario). Logra embarcar no Lípari , chega a Bos Aires o 29 de xuño de 1939. Un dos máis grandes poetas de Irlanda, Pierce Hutchinson, é un gran admirador de Antón Alonso Ríos. No que atingue á existencia de esmoleiros nos anos da fame, máis ben na posguerra, na miña parroquia, San Xurxo de Sacos (Cotobade), puiden recoller algúns datos. Durante a Guerra Civil e logo na posguerra viña xente pobre a pedir. Soían darlle pan de millo, unto ou patacas. Eran maiormente persoas que viñan da costa (ex.: Beluso, Bueu, Cangas do Morrazo). Algúns quedaban como criados polo mantido pero sen soldo. Varios co tempo instaláronse a vivir no pobo de xeito definitivo. Cando viñan esmoleiros pedir non eran conflitivos e podíanse deixar as portas abertas pois non roubaban. Moitas veces pedían unha cunca de caldo para matar a fame ou un anaco de pan de millo. Neses anos da fame tamén viñan do mundo urbano a pedir esmola (Pontevedra e arredores, algún de Mourente, Vilagarcía de Arousa ou Vigo). Procedentes de Bueu viñan cambiando peixe (sardiñas ou xurelos) por outras cousas de comer (patacas, millo, …). Na parroquia natal de meu pai, Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro), algúns esmoleiros acobillábanse no baixo da escola do lugar de Redonde. Neste lugar, algúns durmían no cuberto da Casa do Eido. Sobre todo na época da posguerra. Lémbranse dun cego que tiña unha cadela que lle chamaba Turca, no saco traía unha especie de frauta ou punteiro de gaita e tocaba, ás veces era un ritmo semellante ós fados (pero o esmoleiro non era portugués). Tamén me comentaron que viña unha señora que lle chamaban Adelina “A Javalina” e era da zona de Xeve. Normalmente dábanlle de comer. Tamén viñan da zona da costa (ex.: do Morrazo). Temos exemplos doutros lugares onde había algunha casa ou cuberto onde acobillaban ós esmoleiros (ex.: Vilar-Cerdedo). O tema dos esmoleiros non está moi estudado e a verdade que sería interesante recoller datos en relación a isto pois aínda estamos a tempo de recuperar datos da nosa memoria histórica antes de que se perdan. A cuestión sería entrevistar a persoas maiores que se lembran deses anos da fame durante a Guerra Civil e a posguerra que é cando máis se deu este fenómeno social no noso país. San Xurxo de Sacos (Cotobade) a 21 de maio de 2009. Manuel Reboredo Tajes – BIBLIOGRAFÍA: – ALCAIÁN (Topónimo): Galicia Encantada. Enciclopedia de Fantasía Popular de Galicia (Actualizado 15-03-2009). – ALONSO FERNÁNDEZ, B. (1994): Antón Alonso Ríos. Crónica dunha fidelidade. Ed. Laiovento. Santiago de Compostela. – ALONSO FERNÁNDEZ, B. (2008): Antón Alonso Ríos. O Siñor Afranio. Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. A Nosa Terra. – ALONSO RÍOS, A. (1996): O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte. Ed. A Nosa Terra. Vigo. – ARANGO, J. de (2008): “Los pobres de pedir”. lne.es – La Nueva España-Diario Independiente de Asturias (15-XI-2008). – CARDESÍN, J.Mª : Tierra, trabajo y reproducción social en una aldea gallega (s.XVIII-XX): Muerte de unos, vida de otros. Serie Estudios. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Secretaría General Técnica. – CASTRO, X. (1998): A lume manso. Estudios sobre historia social da alimentación en Galicia. Ed. Galaxia. Vigo. – CONDE, A. (2008): “Clasificacións dos pobres”. El Correo Gallego.es (19-08-2008). – DOMÍNGUEZ CASTRO, L.(2002): “A sociedade rural na Galicia contemporánea”. Eds. Constenla Bergueiro, G. e Domínguez Castro, L. Tempos de sermos: Galicia nos tempos contemporáneos. Universidade de Vigo. Páxs. 41-74. – FERNÁNDEZ LUGO, J. (2006): “Outros instrumentos: o violín” (11-04-2006) (Actualizado 27-05-2008). www.agaitadofol.com. – FUCIÑOS, X.D.: “Persoaxes curiosos e célebres, de paso e na Terra de Melide”. – PÉREZ ALBERTI, A. (2008): “O abandono do mundo rural e as súas consecuencias en Galicia”. Arraianos VII (xaneiro-2008). Ed. Alvarellos Editora. Santiago de Compostela. – RUEDA, G.: “Vagabundos, mendigos y otros marginados”. Época: Reinado de Isabel II. ArteHistoria. Junta de Castilla y León. www.artehistoria.jcyl.es/histesp/contextos76953.htm – SAAVEDRA, P. (1994): La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen. Ed. Crítica. Barcelona. – VALDEÓN BARUQUE, J.(1998): “Pobreza, enfermedad, vejez, muerte en la Edad Media”. Actas de la VII Semana de Estudios Medievales: La vida cotidiana en la Edad Media. Nájera (4/8-8-1997). Instituto de Estudios Riojanos. Logroño. www.vallenajerilla.com/berceo/valdeonbaruque/ritmoindividuo.htm