O liño

liño Seméntase o liño en abril ou no verán e embelece no fin da primavera ata o mes de agosto. A semente emprégase para a obtención de aceite e o vexetal para o téxtil. O liño esgota os campos, porque esixe terreos feraces e a rotación, xeralmente coas patacas ou con pradería. O campo que recibe a semente ten que estar ben labrado, con varias pasadas da grade para que o chan estea esponxoso. As tarefas adicadas ó liño son longas e complicadas, ás veces comunitarias, outras individuais, pero nelas ten un papel principal a muller campesiña. Comeza o traballo co arrigado a recolección das plantas. As arrincadeiras collen as plantas coas dúas mans para non rompelas. Outras mulleres limpan o liño dos últimos restos das malas herbas. Logo os mozos ou tamén as mulleres encárganse do ripado: separan a bagaña do liño co ripo ou ripanzo(1), unha especie de peite vertical de madeira de castiñeiro con dentes serrados. Logo do arrigado chega o empozado, bañar os feixes na auga para que maceren. Atados cunha corda de vimbio reciben o nome de molladas e o sitio pozo do liño ou liñadoiro, preto da aldea. Alí quedan entre 6 e 40 días podrecendo a casca para eliminar a cortiza. Logo recóllese a semente ou bagaña e pasa ó palleiro. A semente é usada para outras campañas ou como medicina ou fariña. Pasado o tempo do empozado, lévanse os feixes para o secado. Cinco días máis tarde pasa o mazado, cos mazos do liño, para separar o talo leñoso da fibra. Este traballo faino a familia ou a xente da aldea pero si é moito son demandadas unhas mazadeiras de oficio: sobre unha pedra baten o mangado do liño coa maza contra a pedra. Logo, atado en augadeiras, empózase de catro a oito días para que resulte branco. Percorrido este tempo, pasa a secar no campo, espállase pero sempre enfeixados os pares. Máis tarde comeza a deluva, feito polas mozas. Nos meses que pechan o ano efectúase a espadelada, un conxunto de mulleres, espadeladeiras, limpan o liño coas espadelas(2): nun espadeleiro botan o liño e golpean coa espadela para retirar os tomentos das fibras. As arestas desprendidas, máis bastas, serven para facer saias ordinarias e queda a fibra de calidade. Nesta reunión xorden os cantos de espadelas. O proceso segue co tascado que é unha segunda espadela. Queda unha estopa basta que serve para facer cordas ou fíos de sacos. O paso seguinte e o asedado: cun restrelo(3) ou sedeiro péitanse as fibras. Logo de asedadas as estrigas quedan feitas as manelas. Dun conxunto de manelas quedan os meados xa dispostos para ser fiados. A fiada é a transformación definitiva da planta do liño para o tecido coa axuda de dous trebellos: a rouca e o fuso(4). Deste traballo xorden as mazarocas que tamén se poden envolver no sarillo(5) para facer as meadas moi grandes. Cocidas estas no xabón para branquexalas pasan á debandoira(6) onde se obteñen os novelos do liño. Este fío dos novelos destinado para tecer ten que prepararse primeiro na urdidoira(7), traballo feito por unha tecedeira profesional. Logo de urdido o liño, sácase o fío, comezando pola parte inferior e faise unha cadeneta. Así o liño pasa ó tear, onde comeza a verdadeira creación artística da fibra do liño. Todo o traballo do liño é unha labor comunitaria. Os fiadeiros son os lugares onde veñen as mulleres a fiar. Unha reunión, mestura de traballo e festa, que é unha das fontes máis ricas da cultura popular. O traballo era de tipo comunitario, no que as veciñas ían ó cambiado, un día na casa dunha e o seguinte na doutra. E alí levan o que van fiar. A xuntanza fomenta as relacións sociais, mantén a conciencia de clase e a integridade do pobo. O fiadeiro é un lugar de reunión, enchido de símbolos, personaxes, amores, ritos e fatigas e dunha grande importancia para o folclore popular.