OLLO COA BIOMASA

21 Maio 2008, por cetmo.

Bioenergalicia s.l., está a ofertar ás comunidades de montes da Terra de Montes e doutros territorios galegos como Pontecaldelas ou a comarca de Monterrei (Ourense), un convenio de cesión dos mesmos para o seu aproveitamento enerxético mediante unha planta de biomasa.

Nunha reunión celebrada en xullo de 2007 un dos administradores desta empresa explicou á Mancomunidade de Montes de Cerdedo a pretensión de instalar unha planta de 5 megawatios no polígono industrial de O Sangal, para o que tamén ofertou aos comuneiros varios convenios: cultivos de plantas enerxéticas, xestión forestal e retirada de biomasa forestal.

Na nosa opinión, estes convenios estabelecen unhas cláusulas abusivas e que pouco teñen que ver coa xestión do monte seguindo criterios de sustentabilidade e multifuncionalidade: a empresa atribúese cuestións fundamentais como a elaboración dos plans de ordenación ou xestión do monte, a contratación do persoal para os traballos forestais, o control da venda da madeira, as relacións coa Administración e, o que é máis grave, a xestión de subvencións e axudas, cando só os propietarios dos terreos teñen capacidade legal para solicitalas.

Alén disto, a empresa estabelece condicións específicas segundo se trate da produción de cultivos enerxéticos, da xestión de monte madeirábel ou da retirada da biomasa forestal residual.

Cando se trate da xestión dun monte madeirábel, a empresa realizará repoboacións, clareos, podas e rozas necesarias, mais os custos derivados destas accións correrán a cargo da comunidade de montes. Esta non poderá rexeitar que se realicen estes traballos, pois mediante a sinatura do convenio permítenlle á empresa que elabore os plans de ordenación e xestión, onde se reflicten os coidados silvícolas que obrigatoriamente hai que realizar.

Ademáis, a comunidade permitiríalle á empresa regular os aproveitamentos que se realicen no monte, polo que Bioenergalicia podería realizar cantas actividades quixer alén do aproveitamento da biomasa, que é para o que nun principio se asina o convenio, deixando aos comuneiros sen capacidade de decisión sobre o monte por un período máximo de 20-30 anos.

Noutras experiencias, os cultivos enerxéticos baséanse en plantacións de eucaliptos con quendas de corta de 3-4 anos nun período máximo de 25 anos de cesión. Hai que subliñar que a vaga de lumes do verán de 2006, iniciada nos montes do Serrapio, viuse moi favorecida polas características pirófitas desta especie, así como da degradación do solo que esta prática non sustentábel produce.

Unha planta de menos de 10 megawatios non é viábel, aínda máis se hai que considerar o inxente consumo de biomasa que require, que ficticiamente pode cubrirse coa estimación da biomasa actual existente, mais logo seguirá precisando a mesma cantidade, e xa non haberá reservas que manteñan a actividade como rendíbel.

Hai que resaltar que se finalmente a planta non é autorizada e se a Mancomunidade asina por unanimidade o convenio (requisito fundamental para que o proxecto sexa viábel, pois compre asegurarse un mínimo de Tm. de biomasa), Bioenergalicia podería ser igualmente a beneficiaria da xestión do monte, pois non hai ningún punto nas súas cláusulas que diga o contrario.

Outra cuestión é a ubicación da planta no polígono do Sangal, que podería ser ilegal xa que non respecta os 2000 mts. de distancia a núcleo urbano contemplados no artigo 4 do RAMINP para actividades insalubres, tal que unha central térmica de produción de enerxía, que desprende gases tóxicos e produce ruídos polo que tamén se considera actividade molesta.

Finalmente habería que cuestionar a viabilidade ambiental, por incluírse parte da superficie dos montes de Cerdedo no LIC “Serra do Cando”, espazo natural protexido pola Rede Natura, que fai incompatible o desenvolvemento de cultivos enerxéticos e limita severamente a repoboación forestal e o aproveitamento da biomasa

Todo isto prodúcese co apoio entusiasta do Alcalde de Cerdedo que, na nosa opinión, debería velar polo interese xeral no canto de favorecer intereses alleos, se cadra dubidosos. Bionergalicia levanta moitas sospeitas, pois é unha empresa de recente creación (comezos de 2007, moi próximo no tempo á presentación do PTAEB), cun capital social baixo (4.000 €) e coa presenza dun administrador centroeuropeo con experiencias no sector da biomasa en Euskadi e Guadalajara das que pouco se sabe.

A terceira peza é a Mancomunidade de Cerdedo, que na súa maior parte apoia un proxecto que obvía a visión multifuncional do monte e propón unha xestión productivista, agravada polo extremo avellentamento e polo inmobilismo xeral da veciñanza. A planta de biomasa supón para os comuneiros conflitos internos de usos cos gandeiros e co sector forestal que aposta por especies autóctonas, que se poderían ver gravemente afectados: pensamos que estes usos, entre moitos outros, deben e poden ser compatíbeis nos montes, mais sempre coa conseguinte regulación e ordenación.

O que parecen esquecer Bioenergalicia, o Concello de Cerdedo e a Mancomunidade de Cerdedo é a política da Xunta de Galiza a este respecto, reflectida no Plan Técnico do Aproveitamento Enerxético da Biomasa (PTAEB), que só recolle aqueles aproveitamentos que se limiten á biomasa forestal residual, e que pódese resumir na frase “limpar para queimar sí, producir para queimar, non”. Ademáis ainda está por elaborar o decreto regulador da creación destas plantas: por se xa fora pouco, Cerdedo sitúase fóra das 7 Áreas de Xestión da Biomasa que fixou o citado Plan, polo que a Consellería de Industria tería que admitir a trámite o proxecto, sempre co informe de Medio Ambiente e co informe preceptivo e vinculante de Medio Rural, que xa nos expresou as súas reticencias para autorizar este proxecto tal e como está concibido.

En calquera caso, queremos expresar que non estamos en contra do aproveitamento da biomasa residual (restos de podas, cortas, entresacas,…) formando parte da multifuncionalidade do monte, mais sí somos contrarios a prácticas que introduzcan sen control novos cultivos enerxéticos, obviando os criterios da administración e os dereitos dos comuneiros.

Novas | | Non hay comentarios

¿Algo que engadir?