Nota sobre as obras no Roteiro Sarmiento

22 Marzo 2009, por cetmo.

En relación á nota de prensa do Concello de Cerdedo aparecida no FARO DE VIGO de 18/3/2009, relativa ás obras dunha pista entre A Revolta e Cavenca, no lugar de Lameiras, queremos puntualizar:

a) Ademáis de VX, amosaron a súa disconformidade coas obras, ADEGA-Pontevedra, Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra, e un grupo de veciños a través da Comunidade de Montes de Cavenca.
b) VX denunciou unhas obras desproporcionadas, que convertían en pista de 5 m. asfaltada, con derrube de valos e destrucción de vexetación autóctona incluídos, un camiño medieval de 2 m. polo que transitou o Padre Sarmiento na súa viaxe de 1710 e que forma parte do “Roteiro Sarmiento”. Non obstante, VX nunca se opuso a que o camiño fose adecentado, cunha intervención menos agresiva contra a paisaxe, o medio natural e o patrimonio etnográfico e histórico.
c) O Sr. Balseiros terxiversa a cualificación que VX deu ao camiño das Lameiras: nunca falamos de camiño romano, nin dixemos que estivese catalogado por Patrimonio. Baseado en estudos históricos ben fundamentados, VX afirma que o camiño era medieval, parcialmente enlousado (ate As Lameiras, daí o topónimo), e que tiña un interese patrimonial e ambiental que xustificaban outro tipo de intervención. Hai que precisar que, desgraciadamente, moitos elementos etnográficos e paisaxísticos non están catalogados, e non por iso se deben destruir e perder para a veciñanza. Polo contrario, o Concello segue a falar sen rigor ningún de “calzada romana” ou de “ponte romana” cando fan referencia na sinaléctica quer ao camiño medieval de Santo Antón, quer á ponte medieval de Pedre.
d) Para nós e para outros veciños de Cerdedo, a continuidade das obras non é unha boa nova, por canto culmina cunha intervención agresiva a perda dun anaco do noso patrimonio cultural e medioambiental, cando o acceso a Cavenca xa estaba asegurado por outra pista e a actual só beneficia, a maiores, a un pequeno número de residentes. En consecuencia, entendemos que tanto o Alcalde de Cerdedo Sr. Balseiros, como o actual Delegado de Medio Rural en funcións, Sr.Constenla, amosan con esta obra unha grave falla de sensibilidade medioambiental e patrimonial.

Novas | | Non hay comentarios

¿Algo que engadir?