Exposición “Antón Alonso Ríos, o siñor Afranio”

15 Marzo 2009, por cetmo.

O vindeiro venres 20, ás 20 horas, inaugúrase no Centro Social de Forcarei a Exposición “Antón Alonso Ríos, o siñor Afranio”, elaborada pola Comisión Siñor Afranio na honra de quen fora deputado agrario-galeguista durante a IIª República. Antón Alonso, nativo de Silleda librouse dunha morte segura percorrendo durante meses as provincias de Ourense e Pontevedra como esmolante tras o golpe militar. Posteriormente describiu estas viaxes nun libro que titulou “O Siñor Afranio, ou como rispei das gadoupas da morte”. Durante aquela viaxe botou case 9 meses en Sorribas, perto do bairro da Ponte en Forcarei, estancia que aínda lembran algúns veciños de idade avanzada, así como o alprende onde durmía e o carballo baixo o que descansaba.
Inaugúrase a exposición cunha conferencia do profesor Manuel Reboredo sobre “O siñor Afranio e os esmolantes”, unha temática pouco transitada ate hoxe pola etnografía e a antropoloxía do noso país.
Ao remate, tomaremos un viño galego e un pincho.
Estas actividades forman parte do Proxecto “Roteiro do Afranio”, no que unha ducia de asociacións de Ourense, Pontevedra e o norte de Portugal prentende rememorar aquel episodio ben representativo da persecución sofrida polo mellor do país tras o nefasto golpe militar.
Para completar información sobre este persoeiro recomendamos visitar www.roteirodoafranio.org/proba (aínda en construcción) con abundante material de interese, incluidos os paneis da Exposición.

Novas | | Non hay comentarios

¿Algo que engadir?