Camiño do Pouso, nº 2
36560 Soutelo de Montes
Concello de Forcarei
Pontevedra
Horarios
Sábados e domingos
mañás 11:00 a 13:30
tardes 17:00 a 20:00
Resto dos días: previa cita no 986 75 61 91
ou no 696 51 30 33
2 Abril 2009, por cetmo.
Vense de coñecer, despois dun ano de espera, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, respecto do recurso presentado pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo na Ditadura franquista, contra a absolución do historiador Dionisio Pereira na vía civil en Iª Instancia polo Xulgado de A Estrada dun presunto delito de atentado contra da honra da devandita familia.
A Sección IIIª da Audiencia Provincial de Pontevedra, resolve rexeitar o devandito recurso, reafirmando en todos os seus términos a sentenza do Xulgado de Iª Instancia de A Estrada, adxudicando asemade as costas en 2ª Instancia aos demandantes.
Compre lembrar que as dúas argumentacións nas que se basean as dúas sentenzas son:
1º) Prevalencia do dereito á investigación histórica fronte o dereito á honra.
2ª) Considerar que o escrito denunciado forma parte dunha investigación histórica realizada cun método científico, no que non existe ningunha pretensión de atentar contra a honra de ninguén e menos da familia demandante.
Aparentemente non existe posibilidade de recurso ao Tribunal Supremo, ao non existir defecto na sentenza nin cuantía económica que o xustifique. No entanto, si existe a posibilidade de presentar recurso de apelación ao Tribunal Constitucional.
Hai moi poucas horas recibimos tamén outra boa nova, pois o recurso de apelación que a mesma familia presentou contra a decisión do Xulgado de Iª Instancia de A Estrada de non procesar pola vía penal ao compañeiro Alfredo González Ruibal, foi así mesmo rexeitado. O compañeiro Alfredo, pois, non será procesado.
Para rematar, unha breve consideración: acreditamos na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores, cando a persistente brétema do esquecemento comeza a se levantar tras o traballo das persoas comprometidas coa recuperación da memoria dos vencidos, dando a coñecer os brutais episodios nos que hipotéticamente puido estar implicado o seu devanceiro. Pero trátase dunha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, aínda que sexa un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido. Mais se aqueles teiman en contrapoñer mesmo pola vía xudicial unha pretendida memoria familiar inmaculada, fronte á dos represaliados e represaliadas de xeito ruín e irreparable, estanse a situar nun egoista plano de inxustiza e de escurantismo, rexeitando así o seu concurso á rexeneración democrática que o Estado español precisa con urxencia.
É o intre, pois, de rectificar e de construír entre tod@s un espazo de convivencia no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto.
Queremos amosar o maior agradecemento a todas as persoas que dunha maneira ou doutra achegaron o seu apoio, convertendo un avatar persoal nunha loita colectiva a prol dunhas liberdades que nos son imprescindibles.
Como dixo Walter Benjamin “O pasado dos perseguidos e dos excluídos debe ser recuperado, porque nada do que aconteceu é un asunto cancelado.”
Velaí a razón pola que os que devecemos por unha vida máis libre e máis xusta, debemos continuar con firmeza a recuperar a “memoria dos vencidos”.
¿Algo que engadir?