Camiño do Pouso, nº 2
36560 Soutelo de Montes
Concello de Forcarei
Pontevedra
Horarios
Sábados e domingos
mañás 11:00 a 13:30
tardes 17:00 a 20:00
Resto dos días: previa cita no 986 75 61 91
ou no 696 51 30 33
16 Abril 2009, por cetmo.
“Dionisio Pereira (A Coruña, 1953) meteu o nariz onde o chamaban. Quixo ser a voz das moitas historias que agardan nunha cuneta para ser contadas, e saíu escaldado.
Unha frase escrita nunha páxina dun libro, A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, levouno ante o xuíz no 2007. Acusábano de historiador.
Os familiares de Manuel Gutiérrez Torres, ex alcalde de Cerdedo e xefe local da Falange nos anos da guerra civil, esixían unha rectificación. Non querían ver o nome do seu ancestro a carón do termo ‘represión’.
Pero Pereira non se retractou. Buscou máis testemuños que apoiasen a súa investigación e tirou para adiante. A Audiencia de Pontevedra vén de darlle a razón: a verdade tumbou á honra. Non está satisfeito. Para el, sentar no banco dos acusados tamén é unha condena.
Pregunta: Nos dous anos de loita xudicial que vén de afrontar, pensou en recuar?
Resposta: Non. Non porque as miñas fontes son solventes e se cando escribín o libro tiña probas dabondo pois agora teño máis. Así que non, en absoluto. Mais iso non quere dicir que estivese no meu ánimo ter algún tipo de actitude agresiva que poida presupoñer ir contra a honra de ninguén.
P: Entende a dor que lle poida supoñer a estas familias coñecer certos aspectos da vida dos seus ancestros, pero por enriba está para vostede o dereito a coñecer a verdade.
R: Efectivamente. A partir de agora entendo que entraremos nunha etapa máis contrutiva (ri), poderemos ter un espazo de convivencia no que ese dereito de investigación e o dereito da cidadanía a saber foron amparados. Pero, dende logo, sen que ninguén se sinta agredido, pois os descendentes de quen estea implicado neste tipo de actos non son responsables de nada e ninguén os sinala.
A verdade ou a honra
P: Como di, no seu caso primou o dereito a saber fronte ao dereito á honra. Como valora o fallo?
R: Ben, xa hai bastante Xurisprudencia. Dende a transición haberá unha ducia ou unha quincena de casos semellantes ao meu onde quedou claro que prevalecen traballos de interese histórico, científico, a investigación sobre a honra.
A min o único que me gustaría é que non tivesemos que chegar a un xuízo. No noso país existe unha liberdade de expresión e todo o mundo pode ter acceso a ella. Se hai quen entende que non é correcto, que non se axusta á verdade o que se escribe teñen a posibilidade de retrucar da mesma maneira, dicindo que esa afirmación se está a facer sen probas suficientes. Esa libertade témola todos.
Ir ao tema xudicial, para os historiadores xa supón unha condena en si mesmo, aínda que saian absoltos. Unha condena porque para min estes dous anos e pico, se é que rematan aquí [a familia do ex alcalde falanxista ten aínda a posibilidade de presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional], significan unha condena de seu pola perda de tempo, a perda de diñeiro e a intranquilidade que che produce.
E no meu caso son dous anos, pero coñezo casos cun derroteiro xudicial de dez anos, con todo o que iso supón. Entendo que debería haber algún tipo de amparo para as persoas que tratamos de coñecer a verdade do que aconteceu hai setenta anos.
P: A rexeneración democrática que tanto demanda pasa por atrancos coma este?
R: Sempre se di que non se pode dar por pechada unha páxina se non se le antes. Eu penso que unha das eivas que ten a democracia no Estado español é recoñecer as vítimas do franquismo a todos os niveis. Iso implica algo que non recoñece nin a Lei de Memoria Histórica, que é eliminar os xuízos contra persoas que foron inxustamente represaliadas, fusiladas ou que pasaron moitos anos na cadea.
Os valores de democracia, de liberdade, de solidariedade, de xustiza coas persoas que foron perseguidas inxustamente por loitar precisamente por eles é algo que aínda falta. Exhibir eses valores é un garante da democracia, mantelos agochados pón en perigo a calidade democrática.
Xulgados por historiadores
P: A Lei de Memoria Histórica xa advertía de que os xuízos contra historiadores irían en aumento.
R: Si, iso é así. O momento de depuración da memoria dos vencidos comezou coa transición, pero intensificouse moito a partir dos anos 90. Nun principio todos nos fixamos nas vítimas, como tiña que ser, falar delas e que os seus nomes volvan estar nas nosas mentes. Está claro que recuperar e lembrar é un acto de xustiza.
Pero nós non podemos falar das vítimas sen falar do réxime opresivo, ditatorial, que foi o causante de todas estas persecucións. Como a evolución vai de falar das vítimas a falar dos represores empezan a xurdir os problemas. Cónstame que existen presións contra outros colegas para que non escriban, non digan, non falen. Se non se ampara o dereito a saber, os historiadores estaremos no punto de mira de persoas que aposten polo escurantismo e o esquecemento.
P: Que peso teñen os documentos que se conservan daqueles anos? Ante xuízos feitos sen garantías e confesións asinadas por medo, ata que punto gozan de maior credibilidade ca un testemuño oral?
R: Uf! Eu creo que todas as fontes teñen os seus pros e os seus contras, todas. Como ben dixeches, estamos continuamente traballando con consellos de guerra que se conservan nos arquivos dos tribunais militares, onde as dilixencias que se fan teñen como transfondo a tortura e os malos tratos. Estes testemuños hai que collelos con certas precaucións, pero tamén é certo que os consellos de guerra dan moita información.
Non podo dicir que unha fonte é mellor ca outra, todas se necesita, todas hai que empregalas con precaucións e, sobre todo, saber combinalas. Coa mestura dunhas e doutras é cando nos achegamos en maior medida á realidade. Nas fontes orais hai que saber con quen se fala, que mérito ten o informante, contrastar e… cantos máis testemuños mellor. Os historiadores temos isto moi claro, e tratamos de facer as cousas co maior rigor posible.
As eivas dunha ansiada lei
E como historiador, como ve a Lei da Memoria? É unha norma útil ou unha sorte de amnistía?
R: Amnistía non, non é unha lei de Punto Final como se dixo. Pero o que si é certo é que ten moitas eivas. Unha delas, o non recoñecemento xurídico das vítimas. Poden ser recoñecidas en base a un diploma que lles conceden, pero o que non poden é esixir que se cumplan dereitos fundamentais coma que se anulen os xuízos falsos dos que falabamos antes, poño por caso. Ou que os familiares directos de persoas asasinadas extraxudicialmente, os famosos paseos, non poidan nin tan sequera reclamar unha indemnización por estes asasinatos. A Lei ten moitas eivas. A fundamental: que non se recoñece xuridicamente ás vítimas.
Tamén é unha sorte de declaración de principios, pero á hora da verdade fan falla fondos e vontade política que ás veces non se ve. Mesmo en cuestións tan básicas como é a eliminación da simboloxía franquista das nosas rúas e edificios parece coma se se buscasen atrancos para levala a cabo. Dende que esa lei está funcionando, hai dous anos, as súas consecuencias foron menores do que sería desexable.
P: Hai medo á memoria?
R: Si, si, si. Sobre todo nos lugares máis pequenos, nas zonas rurais aínda hai moita xente que prefire calar. Ás veces porque é moi doloroso o que teñen que lembrar, e outras simplemente para non poñerse a mal con outros veciños que tiveron, eles ou os seus devanceiros, algo que con estas terribles situacións. Ou incluso porque se identifica o poder local cunha sorte de continuación, que dalgún xeito quitou tallada da guerra civil. Si, si que hai moito medo.
Protexer o franquismo
P: Ditaduras coma a de Hitler, Mussolini ou Pinochet, poño por caso, condénanse coa boca grande. Que pasa con Franco e coa Lei da Amnistía do 77?
R: Que pasa? Que Franco morreu na cama! O réxime de liberdades que aparece na Transición é o dunha democracia vixilada froito non dunha derrota do franquismo, senón dun pacto. Isto leva a que non se lle dea o mesmo tratamento á lembranza de Franco do que acontece con Hitler ou Mussolini nos seus respectivos países, onde a apoloxía dos seus rexímenes está perseguida.
Aquí, hai veces que parece que pasa o contrario. Coma se houbese unha certa protección de todo o que significa o réxime franquista, e as vítimas son tratadas dun xeito… eu entendo que con pouca xustiza.
P: En que ocupa o seu tempo a día de hoxe? Segue a investigar a ditadura?
R: Si. Estou a rematar un libro sobre a loita de clases no mundo do mar, e a represión franquista contra os pescadores galegos. Unha temática un pouco na liña de todo isto que acabamos de falar.
11 Abril 2009, por cetmo.
ACTIVIDADES REIVINDICATIVAS:
ACTIVIDADE CULTURAL:
ACTIVIDADE EDITORIAL:
OUTRAS ACTIVIDADES:
CETMo:
2 Abril 2009, por cetmo.
Vense de coñecer, despois dun ano de espera, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, respecto do recurso presentado pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo na Ditadura franquista, contra a absolución do historiador Dionisio Pereira na vía civil en Iª Instancia polo Xulgado de A Estrada dun presunto delito de atentado contra da honra da devandita familia.
A Sección IIIª da Audiencia Provincial de Pontevedra, resolve rexeitar o devandito recurso, reafirmando en todos os seus términos a sentenza do Xulgado de Iª Instancia de A Estrada, adxudicando asemade as costas en 2ª Instancia aos demandantes.
Compre lembrar que as dúas argumentacións nas que se basean as dúas sentenzas son:
1º) Prevalencia do dereito á investigación histórica fronte o dereito á honra.
2ª) Considerar que o escrito denunciado forma parte dunha investigación histórica realizada cun método científico, no que non existe ningunha pretensión de atentar contra a honra de ninguén e menos da familia demandante.
Aparentemente non existe posibilidade de recurso ao Tribunal Supremo, ao non existir defecto na sentenza nin cuantía económica que o xustifique. No entanto, si existe a posibilidade de presentar recurso de apelación ao Tribunal Constitucional.
Hai moi poucas horas recibimos tamén outra boa nova, pois o recurso de apelación que a mesma familia presentou contra a decisión do Xulgado de Iª Instancia de A Estrada de non procesar pola vía penal ao compañeiro Alfredo González Ruibal, foi así mesmo rexeitado. O compañeiro Alfredo, pois, non será procesado.
Para rematar, unha breve consideración: acreditamos na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores, cando a persistente brétema do esquecemento comeza a se levantar tras o traballo das persoas comprometidas coa recuperación da memoria dos vencidos, dando a coñecer os brutais episodios nos que hipotéticamente puido estar implicado o seu devanceiro. Pero trátase dunha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, aínda que sexa un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido. Mais se aqueles teiman en contrapoñer mesmo pola vía xudicial unha pretendida memoria familiar inmaculada, fronte á dos represaliados e represaliadas de xeito ruín e irreparable, estanse a situar nun egoista plano de inxustiza e de escurantismo, rexeitando así o seu concurso á rexeneración democrática que o Estado español precisa con urxencia.
É o intre, pois, de rectificar e de construír entre tod@s un espazo de convivencia no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto.
Queremos amosar o maior agradecemento a todas as persoas que dunha maneira ou doutra achegaron o seu apoio, convertendo un avatar persoal nunha loita colectiva a prol dunhas liberdades que nos son imprescindibles.
Como dixo Walter Benjamin “O pasado dos perseguidos e dos excluídos debe ser recuperado, porque nada do que aconteceu é un asunto cancelado.”
Velaí a razón pola que os que devecemos por unha vida máis libre e máis xusta, debemos continuar con firmeza a recuperar a “memoria dos vencidos”.
1 Abril 2009, por cetmo.
Actividades realizadas en 2008:
- Colaboración editorial en:
ALBUM DE GUERRA, Dionisio Pereira e Rogelio Arca, en colaboración coa Editorial “Difusora” de Ourense.
MEMORIAS DUN TEMPO PERDIDO, Roberto Vázquez.
CANTARES DE MANUELA DE BARRO. Carlos Solla en colaboración co colectivo “A Serpe Bichoca”.
GUIA DO MONTE DO SEIXO. Carlos Solla, en colaboración co colectivo “A Serpe Bichoca”.
- Edición dos números 19, 20 e 21 do Boletín “Verbo Xido”.
- Colaboración na VIII edición da Festa da Vincha.
- Participación no programa “Patrimonio no Medio” (Consellerías de Cultura e Medio Rural): Charla en A Lama e roteiro polo Monte do Seixo-“A Montaña Máxica”.
- Campaña de apoio e solidariedade cos historiadores Alfredo González Ruibal e Dionisio Pereira.
- Celebración do 13 de agosto (aniversario do asasinato dos canteiros de Figueroa) na Ponte do Barco ( Pedre).
- VI Edición de Terra de Tod@s, celebrado no CETMO, sobre “Políticas Culturais na Terra de Montes”.
- Representación na Directiva do GDR 20, do Leader, ocupando a Secretaría.
- Realización dunha “Polafía” en Barro (Cerdedo), en colaboración coa Asociación de Escritores en Língua Galega (AELG).
- Realización do VII Roteiro Sarmiento, denunciando as obras levadas a cabo polo Concello e Medio rural no lugar das Lameiras, nun vello camiño medieval.
- Campañas contra Celulosas en Pontevedra; AVE por Cerdedo; planta de biomasa en Cerdedo…
- Visitas escolares ao CETMO.
-Roteiros guiados ao Monte de Seixo- “A Montaña Máxica”.
- Concesión dunha subvención de AGADER, algo máis de 17.000 euros, para rehabilitación do CETMO.
Actividades a realizar no ano 2009.
-Colaboración e participación na IX Festa da Vincha.
- VII Edición Terra de Tod@s. Temática: “Terra de Montes no cine”. Proxección de diversos audiovisuais sobre a zona ( “Flores Tristes”; “Siñor Afranio”; “Monte do Seixo”; Pedre…). En Cerdedo, no verán.
- 13 de agosto, “A Ponte do Barco e a Poesía”, coa lectura de poemas relacionados coa “memoria dos vencidos” a cargo dun poeta/poetisa convidado/a.
- Exposición “Antón Alonso Ríos e o Siñor Afranio”, en marzo no Centro Social de Forcarei. Inauguración coa charla sobre “Os Esmolantes” e a “Represión en Forcarei”, a cargo de Manuel Reboredo e Dionísio Pereira, respectivamente. No verán e na contorna de Sorribas (Forcarei) “Roteiro Siñor Afranio”, coa sinalización dos lugares de memoria do Siñor Afranio na súa estancia en Forcarei.
- Roteiros ( VIII Edición Roteiro Sarmiento; Roteiros guiados ao Monte do Seixo e aos Petroglifos do Monte Vilar-Cerdedo)
- Conferencia: “Aquelas escolas da posguerra en Cerdedo”. Herminio Barreiro, profesor da USC e autor do libro “Recordar doe” (Edicións Xerais).
- Rehabilitación do edificio do CETMO (Agader).
- Participación na manifestación convocada en Compostela o 17 de maio en defensa da nosa língua.
-Difusión da web sobre o CETMO e VERBO XIDO www.cetmo.info
-Edición Boletíns “Verbo Xido”.
- Secretaría do GDR 20, no que presentaremos as iniciativas: “Mellora do proxecto museístico do CETMO” e “Monte do Seixo-A Montaña Máxica”.
Renovación de parte da Xunta Directiva:
Novos cargos:
Presidenta – Lola Varela.
Secretario – Carlos Solla.
Tesoreiro – Manuel Ogando.
Vogais: Constantino González e Roberto Vázquez.
22 Marzo 2009, por cetmo.
En relación á nota de prensa do Concello de Cerdedo aparecida no FARO DE VIGO de 18/3/2009, relativa ás obras dunha pista entre A Revolta e Cavenca, no lugar de Lameiras, queremos puntualizar:
a) Ademáis de VX, amosaron a súa disconformidade coas obras, ADEGA-Pontevedra, Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra, e un grupo de veciños a través da Comunidade de Montes de Cavenca.
b) VX denunciou unhas obras desproporcionadas, que convertían en pista de 5 m. asfaltada, con derrube de valos e destrucción de vexetación autóctona incluídos, un camiño medieval de 2 m. polo que transitou o Padre Sarmiento na súa viaxe de 1710 e que forma parte do “Roteiro Sarmiento”. Non obstante, VX nunca se opuso a que o camiño fose adecentado, cunha intervención menos agresiva contra a paisaxe, o medio natural e o patrimonio etnográfico e histórico.
c) O Sr. Balseiros terxiversa a cualificación que VX deu ao camiño das Lameiras: nunca falamos de camiño romano, nin dixemos que estivese catalogado por Patrimonio. Baseado en estudos históricos ben fundamentados, VX afirma que o camiño era medieval, parcialmente enlousado (ate As Lameiras, daí o topónimo), e que tiña un interese patrimonial e ambiental que xustificaban outro tipo de intervención. Hai que precisar que, desgraciadamente, moitos elementos etnográficos e paisaxísticos non están catalogados, e non por iso se deben destruir e perder para a veciñanza. Polo contrario, o Concello segue a falar sen rigor ningún de “calzada romana” ou de “ponte romana” cando fan referencia na sinaléctica quer ao camiño medieval de Santo Antón, quer á ponte medieval de Pedre.
d) Para nós e para outros veciños de Cerdedo, a continuidade das obras non é unha boa nova, por canto culmina cunha intervención agresiva a perda dun anaco do noso patrimonio cultural e medioambiental, cando o acceso a Cavenca xa estaba asegurado por outra pista e a actual só beneficia, a maiores, a un pequeno número de residentes. En consecuencia, entendemos que tanto o Alcalde de Cerdedo Sr. Balseiros, como o actual Delegado de Medio Rural en funcións, Sr.Constenla, amosan con esta obra unha grave falla de sensibilidade medioambiental e patrimonial.
15 Marzo 2009, por cetmo.
O vindeiro venres 20, ás 20 horas, inaugúrase no Centro Social de Forcarei a Exposición “Antón Alonso Ríos, o siñor Afranio”, elaborada pola Comisión Siñor Afranio na honra de quen fora deputado agrario-galeguista durante a IIª República. Antón Alonso, nativo de Silleda librouse dunha morte segura percorrendo durante meses as provincias de Ourense e Pontevedra como esmolante tras o golpe militar. Posteriormente describiu estas viaxes nun libro que titulou “O Siñor Afranio, ou como rispei das gadoupas da morte”. Durante aquela viaxe botou case 9 meses en Sorribas, perto do bairro da Ponte en Forcarei, estancia que aínda lembran algúns veciños de idade avanzada, así como o alprende onde durmía e o carballo baixo o que descansaba.
Inaugúrase a exposición cunha conferencia do profesor Manuel Reboredo sobre “O siñor Afranio e os esmolantes”, unha temática pouco transitada ate hoxe pola etnografía e a antropoloxía do noso país.
Ao remate, tomaremos un viño galego e un pincho.
Estas actividades forman parte do Proxecto “Roteiro do Afranio”, no que unha ducia de asociacións de Ourense, Pontevedra e o norte de Portugal prentende rememorar aquel episodio ben representativo da persecución sofrida polo mellor do país tras o nefasto golpe militar.
Para completar información sobre este persoeiro recomendamos visitar www.roteirodoafranio.org/proba (aínda en construcción) con abundante material de interese, incluidos os paneis da Exposición.
26 Febreiro 2009, por cetmo.
19 Xullo 2008, por cetmo.
A titular do Xulgado de 1ª Instancia da Estrada, vén de rexeitar o procesamento pola vía penal do arqueólogo, natural de Soutelo de Montes, Alfredo González Ruibal, frustrando os desexos da familia do ex-alcalde falanxista de Cerdedo Manuel Gutiérrez Torres, de velo procesado por ter difundido os feitos supostamente acaecidos en Cerdedo no verán de 1936.
21 Maio 2008, por cetmo.
Bioenergalicia s.l., está a ofertar ás comunidades de montes da Terra de Montes e doutros territorios galegos como Pontecaldelas ou a comarca de Monterrei (Ourense), un convenio de cesión dos mesmos para o seu aproveitamento enerxético mediante unha planta de biomasa.
Nunha reunión celebrada en xullo de 2007 un dos administradores desta empresa explicou á Mancomunidade de Montes de Cerdedo a pretensión de instalar unha planta de 5 megawatios no polígono industrial de O Sangal, para o que tamén ofertou aos comuneiros varios convenios: cultivos de plantas enerxéticas, xestión forestal e retirada de biomasa forestal.
Na nosa opinión, estes convenios estabelecen unhas cláusulas abusivas e que pouco teñen que ver coa xestión do monte seguindo criterios de sustentabilidade e multifuncionalidade: a empresa atribúese cuestións fundamentais como a elaboración dos plans de ordenación ou xestión do monte, a contratación do persoal para os traballos forestais, o control da venda da madeira, as relacións coa Administración e, o que é máis grave, a xestión de subvencións e axudas, cando só os propietarios dos terreos teñen capacidade legal para solicitalas.
Alén disto, a empresa estabelece condicións específicas segundo se trate da produción de cultivos enerxéticos, da xestión de monte madeirábel ou da retirada da biomasa forestal residual.
Cando se trate da xestión dun monte madeirábel, a empresa realizará repoboacións, clareos, podas e rozas necesarias, mais os custos derivados destas accións correrán a cargo da comunidade de montes. Esta non poderá rexeitar que se realicen estes traballos, pois mediante a sinatura do convenio permítenlle á empresa que elabore os plans de ordenación e xestión, onde se reflicten os coidados silvícolas que obrigatoriamente hai que realizar.
Ademáis, a comunidade permitiríalle á empresa regular os aproveitamentos que se realicen no monte, polo que Bioenergalicia podería realizar cantas actividades quixer alén do aproveitamento da biomasa, que é para o que nun principio se asina o convenio, deixando aos comuneiros sen capacidade de decisión sobre o monte por un período máximo de 20-30 anos.
Noutras experiencias, os cultivos enerxéticos baséanse en plantacións de eucaliptos con quendas de corta de 3-4 anos nun período máximo de 25 anos de cesión. Hai que subliñar que a vaga de lumes do verán de 2006, iniciada nos montes do Serrapio, viuse moi favorecida polas características pirófitas desta especie, así como da degradación do solo que esta prática non sustentábel produce.
Unha planta de menos de 10 megawatios non é viábel, aínda máis se hai que considerar o inxente consumo de biomasa que require, que ficticiamente pode cubrirse coa estimación da biomasa actual existente, mais logo seguirá precisando a mesma cantidade, e xa non haberá reservas que manteñan a actividade como rendíbel.
Hai que resaltar que se finalmente a planta non é autorizada e se a Mancomunidade asina por unanimidade o convenio (requisito fundamental para que o proxecto sexa viábel, pois compre asegurarse un mínimo de Tm. de biomasa), Bioenergalicia podería ser igualmente a beneficiaria da xestión do monte, pois non hai ningún punto nas súas cláusulas que diga o contrario.
Outra cuestión é a ubicación da planta no polígono do Sangal, que podería ser ilegal xa que non respecta os 2000 mts. de distancia a núcleo urbano contemplados no artigo 4 do RAMINP para actividades insalubres, tal que unha central térmica de produción de enerxía, que desprende gases tóxicos e produce ruídos polo que tamén se considera actividade molesta.
Finalmente habería que cuestionar a viabilidade ambiental, por incluírse parte da superficie dos montes de Cerdedo no LIC “Serra do Cando”, espazo natural protexido pola Rede Natura, que fai incompatible o desenvolvemento de cultivos enerxéticos e limita severamente a repoboación forestal e o aproveitamento da biomasa
Todo isto prodúcese co apoio entusiasta do Alcalde de Cerdedo que, na nosa opinión, debería velar polo interese xeral no canto de favorecer intereses alleos, se cadra dubidosos. Bionergalicia levanta moitas sospeitas, pois é unha empresa de recente creación (comezos de 2007, moi próximo no tempo á presentación do PTAEB), cun capital social baixo (4.000 €) e coa presenza dun administrador centroeuropeo con experiencias no sector da biomasa en Euskadi e Guadalajara das que pouco se sabe.
A terceira peza é a Mancomunidade de Cerdedo, que na súa maior parte apoia un proxecto que obvía a visión multifuncional do monte e propón unha xestión productivista, agravada polo extremo avellentamento e polo inmobilismo xeral da veciñanza. A planta de biomasa supón para os comuneiros conflitos internos de usos cos gandeiros e co sector forestal que aposta por especies autóctonas, que se poderían ver gravemente afectados: pensamos que estes usos, entre moitos outros, deben e poden ser compatíbeis nos montes, mais sempre coa conseguinte regulación e ordenación.
O que parecen esquecer Bioenergalicia, o Concello de Cerdedo e a Mancomunidade de Cerdedo é a política da Xunta de Galiza a este respecto, reflectida no Plan Técnico do Aproveitamento Enerxético da Biomasa (PTAEB), que só recolle aqueles aproveitamentos que se limiten á biomasa forestal residual, e que pódese resumir na frase “limpar para queimar sí, producir para queimar, non”. Ademáis ainda está por elaborar o decreto regulador da creación destas plantas: por se xa fora pouco, Cerdedo sitúase fóra das 7 Áreas de Xestión da Biomasa que fixou o citado Plan, polo que a Consellería de Industria tería que admitir a trámite o proxecto, sempre co informe de Medio Ambiente e co informe preceptivo e vinculante de Medio Rural, que xa nos expresou as súas reticencias para autorizar este proxecto tal e como está concibido.
En calquera caso, queremos expresar que non estamos en contra do aproveitamento da biomasa residual (restos de podas, cortas, entresacas,…) formando parte da multifuncionalidade do monte, mais sí somos contrarios a prácticas que introduzcan sen control novos cultivos enerxéticos, obviando os criterios da administración e os dereitos dos comuneiros.
7 Decembro 2007, por cetmo.
Actividades Reivindicativas:
Actividades Culturais:
CETMo: