NOVOS HORIZONTES PARA O CETMO

28 Xullo 2010, por cetmo.

O Centro Etnográfico da Terra de Montes emprazado en Soutelo de Montes, Concello de Forcarei, toma un novo impulso  coa recente eleción na asemblea da Asociación VERBO XIDO, realizada o pasado 3 de xullo, dun Consello de Dirección presidido por Gumersindo Guinarte Cabada. Gumersindo Guinarte Cabada, natural de Castrelo, asume así o reto decidido pola Asociación e dado a coñecer no editorial do Boletín nº 24 de VERBO XIDO (Febreiro 2010) de que “o CETMO abra novas vías de diálogo coas institución locais e aposte polo traballo en rede cunha xestión máis profesionalizada e con cometidos máis ambiciosos“. Así o manifestaba o novo presidente da entidade ao tempo que engadía “ata agora o CETMO estaba tutelado polo colectivo social VERBO XIDO que realizou un traballo extraordinario tanto na mellora e posta en valor do edificio que alberga a colección etnográfica como na promoción e difusión da cultura de Terra de Montes. O novo equipo, temos por diante un reto ilusionante pero ambicioso que esperamos levar a cabo“.

A decisión de apostar por un equipo rector para o Centro Etnográfico foi tomada  na devandita asemblea da asociación VERBO XIDO na que se acordou que o Museo, que alberga máis de 800 pezas e unha importante biblioteca/arquivo,  debía contar cun equipo de profesionais destacados que aporten os seus coñecementos e centren o seu traballo na posta en valor e na xestión do propio CETMO, con autonomía da asociación. Este equipo está composto por:

- Presidente: Gumersindo Guinarte Cabada,  natural de Castrelo, profesor de Dereito da Universidade de Santiago,  con ampla experiencia en xestión e relacións institucionais tras desempeñar cargos como secretario xeral da Universidade de Santiago, Vicevaledor do Pobo e Secretario xeral da Presidencia do goberno de Emilio Pérez Touriño.

- Vicepresidente: Alfredo González Ruibal, con orixe en Soutelo de Montes, fundador do Centro Etnográfico e impulsor do proxecto que permitíu que a colección de pezas que alí se atopa sexa unha das máis completas de Galicia. Na actualidade Alfredo González, licenciado en historia, compaxina a súa labor de investigador do CSIC con misións arqueolóxicas en Europa do Leste e Africa.

- Secretaria: Concha Otero Alonso, natural de Sanguñedo, profesora de educación secundaria en Vigo e defensora activa do medio ambiente e o desenvolvemento sostible do medio rural.

- Vogais:

Dionisio Pereira, residente en Cerdedo, historiador con recoñecidas publicacións sobre os movementos sociais en Galicia; coordinador da provincia de Pontevedra no Proxecto Interuniversitario “As Vítimas, Nomes e Voces”. Experto en cultura e patrimonio marítimo; é membro do Consello Asesor do Museo do Mar de Galicia.

Luís Gil Pita, con orixe en Cerdedo, arquitecto de profesión.  Redactor de diversos inventarios de patrimonio arquitectónico e etnográfico e con experiencia en rehabilitacións  e  proxectos expositivos.

Beatriz García González, natural de Avila, Museóloga e Consultora cultural e directora da empresa “e-burbulla”.

Francisco Vieitez Cendón, natural de Soutelo de Montes, empresario do sector da cultura e a comunicación e asesor cultural.

Ademáis formará parte deste Consello de Dirección a persoa que desempeñe na Xunta Directiva da Asociación VERBO XIDO o cargo do tesoureiro/a.

Nos próximos días, este equipo reunirase para realizar unha proposta de traballo a medio prazo, mentres de xeito inmediato o presidente Gumersindo Guinarte centrarase en contactar coas institucións locais, tanto concellos, como colectivos para presentar este novo proxecto que segundo el mesmo manifesta “quere ante todo ser un proxecto integrador e aberto, no que contemos coa maior participación social posible e que contribúa a xerar unha oferta cultural ampla e de calidade en Terra de Montes“.

Mentres tanto, a Asociación VERBO XIDO agarda a resolución favorable da subvención solicitada ao abeiro do programa LEADER, a través do GDR 20, no que a Asociación desempeña a Secretaría na Comisión Permanente, para poder mellorar e actualizar o discurso museístico, tendo máis en conta a perspectiva de xénero, a utilización das NTIC´s e o traballo en rede con outros colectivos da comarca.

Como deciamos no noso boletín nº 24: “Veñen, pois, tempos apaixonantes para o CETMO.”

Novas 0 comentarios