Homenaxe aos represaliados polo Franquismo en Cerdedo

14 Agosto 2009, por cetmo.

Longa noite de Pedre


amanheceu raso na Ponte do Barco,

no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense.

amanheceu, e un bando-paxaro de luz

encandeou a longa noite de Pedre.

bailou o sol coma nun sanxoán adoecido

e no efémero intre do feitizo,

unha arca ateigada de bugalhos baleirara na valinha

a súa carga atómica.

a vaga expansiva abuxardou os muros das igrexas,

os xugos tornáronse torques de ouro tribo

e as frechas, ferróns hipodérmicos cos que chuzar

nas nádegas pensantes.

.

 

amanheceu surado na Ponte do Barco,

no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense.

amanheceu, e o ceo derrafado en po de auga

axinha deveu en mesto dioivo.

foi tamanha a chea que o maino río da memoria

asobordou os peitorís do esquecemento;

tamanha a enxurrada, que a frouma xunta,

monte a monte,

atinxiu a rebolos o esteiro, a badía e mar aberto.

xa fica expedita a ribeira,

xa fican mondas as veigas…

agrome, daquela, vizosa a semente

na revolta do antigo quilómetro 74;

douren louzás as centeeiras,

moian lixeiros os muínhos, cozan fartas as tafonas,

que a enfornada de hoxe

ha saciar tanta fame coma inxustiza coubo nas tripas.

. (Incluído en Pan prós crocodilos, 2009)

O señor Roxerio Arca, memoria viva da represión, flanqueado por dous amigos, durante o acto de homenaxe aos mártires cerdedenses (Pedre, 13 de agosto de 2009)

A continuación, mostramos un par de enlaces para ilustrarvos con historias da da Guerra Civil en Terra de Montes. Agardamos que sexan do voso interese:

http://oembigodobecho.blogspot.com/2009/08/uhp-conto-calado.html

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2009/09/08/lembranza-jose-maria-taberneiro-o-rolo-vilapouca/365957.html

Novas 1 comentario

Obras de rehabilitación no CETMo

13 Agosto 2009, por cetmo.

O 5 de agosto de 2009, a Asociación VERBO XIDO puxo a “segunda pedra” dunha das súas máis acariñadas iniciativas, a mellora integral do edificio do CETMo. O vello inmóbel, localizado no camiño do Pouso nº 2, na aldea de Soutelo (Forcarei), gorece a máis completa colección etnográfica da bisbarra. Aínda así, só o esforzo altruísta de Verbo Xido, especialmente a porfía de Lola Varela, secretaria do GDR 20, propiciou esta morna alborada nunha terra sumida nas tebras do neofeudalismo.

Obras Cetmo

UNHA NOVA XEIRA PARA O CETMO (Soutelo de Montes )

        No mes de agosto comezaron as obras que permitirán realizar no Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO) as reformas necesarias para solicitar a catalogación de colección visitable, a conceder pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

      A subvención concedida por AGADER para estas melloras non é suficiente e polo tanto pedimos a colaboración de todas aquelas persoas interesadas en darlle unha nova vida ao CETMO, único Centro Etnográfico da bisbarra.

     Co remate das obras queremos crear co apoio de veciños e entidades a “Fundación Terra de Montes”, co seu correspondente Padroado para xestionar o futuro do CETMO e as súas actividades.

     Se así o decides, podes colaborar na nova andaina do CETMO facendo unha  aportación na C/C. aberta para esta finalidade : 2080 0444 92 0040106374. Grazas.

Novas 0 comentarios

Noite das Perseidas na Montaña Máxica

13 Agosto 2009, por cetmo.

Vede aquí a máxica noite que os amigos de Verbo Xido disfrutaron na Montaña Máxica do Seixo:

http://oembigodobecho.blogspot.com/2009/08/na-noite-das-perseidas-ducias-de.html

Novas 0 comentarios